20/12/07

Compromiso


Podemos amosar a nosa solidariedade con Isaac Díaz Pardo. Se queres asinar o manifesto de apoio podes facelo enviando un correo co teu nome e apelidos e máis o DNI á seguinte dirección de correo electrónico: xmavera@hotmail.com

Velaí o texto do manifesto:

SE CALAMOS SEREMOS CÓMPLICES

Dende hai un tempo estamos asistindo a unha operación empresarial pola que se aparta a Isaac Díaz Pardo, da toma de decisións de Sargadelos, relegando así a aquel que fora alma mater e fundador das fábricas de Sargadelos e O Castro, creando con Luis Seoane ese emporio cerámico e cultural e converténdoo en sinal de identidade de Galicia. Falar de Sargadelos e O Castro é lembrar a labor dos exiliados, da unión da empresa e a cultura con base na tradición e o compromiso; é falar do home que traballou para manter a memoria da guerra e a represión cando ninguén o facía, da recuperación dos escritores que andiveron lonxe e remataron acollidos ao redor desa casa común, pero tamén dun home a quen sempre vimos traballando, facendo todo tipo de labores pois de ningunha delas se avergonzaba, e tanto cargaba paneis de exposicións na subida ao Museo do Pobo Galego, como deseñaba mobles e pergueñaba edificios que se recoñecen como seus. Neste momento, falar de Isaac é facelo de alguén traizoado polos seus -en palabras de Avelino Pousa Antelo- e Díaz Pardo debe ser o orgullo de todos os galegos de ben, moitos xa publicaron os seus escritos, outros fanlle homenaxes,... pero non debemos calar ata que se faga xustiza. ¡COMO CALAR...!

1. Ante o silencio público mesturado con informacións confusas.

2.Ante as institucións públicas que semellan mirar para outro lado.

3.Ante o paradoxo de que quen máis fixo pola recuperación da memoria histórica se atope en situación de silenciado neste momento de leis e anos conmemorativos.

4.Ante unha actualidade na que semella que o mundo da empresa establece os valores (o novo Sargadelos) e non hai ninguén que encabece a masa crítica desta sociedade civil disposta a defender a este home pero tamén a unha empresa que ha de estar por riba dos accionistas por ser xa case unha institución.

5.Ante a caída en picado dunha empresa que acaba de vender a súa tenda en Milán e vai facer outro tanto en Lisboa, cando nos representa a todos e non podemos deixar ao dispor duns accionistas que non se dan conta, de que o que se traen entre mans é algo que os galegos e galegas sentimos coma un proxecto cultural, unha representación do país que só pode ser de Isaac Díaz Pardo e de todos nós.

Por isto, necesitamos que alguén poña sentido no mundo empresarial, coloque os cartos no seu sitio e lidere este movemento de vontades para restaurar a xustiza cun dos nosos homes máis ilustres, cos mortos que o acompañaron neste empeño e co que hai de Galicia nese proxecto. Pedimos axuda aos avogados dispostos a argumentar e tramitar os papeis necesarios, aos políticos e deputados para xestionar as maneiras de resolver este conflito, aos intelectuais para opinar diante dos micrófonos e xornais, aos consumidores para demostrar o seu valor, é dicir, que cadaquén faga o posible para abrirlle os ollos á xustiza e poñer a cada un no seu sitio. Se seguimos calados seremos cómplices da inxustiza que se está realizando con Isaac Díaz Pardo e coa memoria cultural de Galicia. Tal vez teñamos que dicir que Isaac somos todos e todas nós defendendo, de novo a dignidade.

En Compostela a principios de decembro do ano 2007

1 comentario:

Anónimo dijo...

tamém aqui:

campanha de apoio a Isaac:

http://www.escribelleaisaac.info/