8/10/08

galegoxdocentes 2008


Comezou o novo curso e con el chegan as datas de facer este curso de "Galego para o profesorado en prácticas" que foi o xermolo deste caderno colaborativo. Coido que este ano imos darlle un novo alento a esta bitácora. Hai moitos asuntos que tratar:

Uso do galego no ensino
O tratamento integrado das linguas nos centros
A dinamización lingüística
A nova normativa
e, como non?
Os múltiples recursos multimedia e on-line cos que contamos para o traballo educativo "en e para o galego"nas distintas áreas e materias.

Falaremos decote nestas vindeiras datas

15/5/08

Letras galegas


Recursos multimedia disponibeis en internet.
Coma sempre, na blogue do compañeiro Antón Vicente Rodríguez atoparedes varias posibilidades.
Pero, de todas elas, salientaremos este pequeno xogo interactivo realizado por Toño coa ferramenta que resultou premiada hai uns meses polo proxecto SIEGA, no apartado de ferramentas de autor. O proxecto Xogamos.
Fran Macías, Felo Couto e Antón Vicente son os responsabeis desta aplicación que fai posible a creación de exercicios multimedia interactivos coma este que vos presento.
Unha aportación máis para estes días.

Letras galegas




Xoaíña é unha proposta didáctica realizada por profesorado do CPI O Progreso, de Catoira.
A profesora Marisel, que anda este ano a voltas coas novas tecnoloxías e o traballo das competencias básicas, foi quen de artellar toda unha secuencia didáctica baseada na poesía de Álvarez Blázquez.
Esta proposta, apropiada para traballar co alumnado de primaria, conta con actividades variadas que rematan nun obradoiro de escrita. Inclúe un traballo multimedia que recrea un poema "Maruxiña", tirado do poemario "Rosario do teu mencer", con música, texto e imaxes.
Recoméndovos que visitedes a web do CPI e botedes unha ollada ás propostas didácticas para infantil, primaria e secundaria. Hai bo traballo e haberá máis.




9/5/08

Letras galegas


Poema de X.M. Álvarez Blázquez, autor homenaxeado no día das letras deste ano 2008.
Atopeino nunha fantástica blogue: "O Recanto de Mik". Unha bitácora de animación e fomento da lectura dun colexio, o CEIP Mestres Goldar de Vigo. Magnífica, chea de contido interesante e moi dinámica.
Recomendo vivamente visitar este recanto de Mik. Boísima.

28/4/08

Letras galegas

Logo comeza o mes de maio e se achegan as letras. Vaia por diante un agasallo para quen o queira. Este é un tipo de letra que se facilitou hai tempo. Podédelo engadir aos vosos PCs polo sinxelo método de colocar o seguinte arquivo na carpeta "fonts" dentro da carpeta "windows", que á súa vez está dentro do disco duro do voso equipo.
A partires desta operación estará disponible nos vosos procesadores de texto este tipo de letra baseado en antigos textos escritos galegos.
Letras galegas...

24/4/08

Novo dicionario de galego on-line


Ir indo presenta un novo dicionario. É a versión on-line da súa obra lexicográfica, pioneira na recollida de todas as modificacións das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do idioma galego, aprobadas pola Real Academia Galega o 12 de xullo de 2003.

Foi presentado onte, día do libro e xa logo leva 3000 entradas.

Unha ferramenta para ter en conta.

29/2/08

Quen secuestrou o "Galicia Hoy"?






Hoxe, na edición dixital de El País, atopamos este magnífico artículo de Manuel Rivas.


Disque se non aprendemos da Historia, estaremos condeados a ver como se repite. Atentos á loita de Isaac Díaz Pardo e a este episodio de Historia repetida. Atentos ás aventuras e creacións galegas do exilio. Atentos á Historia para que non se reproduza.

27/2/08

NOVA VERSION DO FACIL EN GALEGO

Joaquim Fonoll, o autor da Factoria de Actividades Combinadas de Informática e Língua (FACIL), envíanos a ligazón á version 2.3 en galego (Febreiro) que agarda solucione os problemas atopados e simplifica a instalación.

FACIL
http://www.xtec.net/dnee/facil/gal/instal_facil2_gal.exe

Apertas, TADEGa.net

8/2/08

Un dicionario moi especial


A tecnoloxía wiki é unha das propostas máis suxestivas na actualidade. Xa son referencia obrigada as diversas enciclopedias baseadas neste soporte colaborativo e aberto. Proporciona contornas de participación ceibe e altruista de gran valor e máximos niveis de actualización.


Velaí tendes o Galizionario, un dicionario galego colaborativo e gratuíto de significados, etimoloxías, pronuncias e citas. Ten arredor de tres anos de vida e conta xa cunhas 17000 entradas. Vai camiño de ser unha ferramenta moi útil.


Prestarache participar nalgunha entrada, non é? Imos deixar a nosa pegada, que non se diga!

7/2/08

Ferramentas lingüísticas para o galego


Muito interesante!


Software libre e lingua. Mancomun.org é unha web da que temos falado e que vencella á Consellería de industria coa de Educación nun proxecto realmente importante, o desenvolvemento de iniciativas que fomenten a inserción das novas tecnoloxías no mundo do ensino e, especialmente vencelladas á lingua galega mediante o uso de software aberto.


Pois ben, botade un ollo a esta listaxe de ferramentas para o uso do galego. Creo que hai moito material e ben interesante. Fixádevos nos proxectos de traducción de software libre (en proceso do que chaman "localización" a galego) no que podedes - e eu volo aconsello e vos animo - participar persoalmente. Estas son cousas do proxecto de "traducción colaborativa ENTRANS" do que falaremos de contado.



Ben por estas ferramentas. Imos ir utilizándoas e, a ver que tal van.