22/12/07

Proxecto XOGAMOS?


A Xunta xa colgou os traballos recentemente premiados nos "Recursos educativos para a Sociedade da Información 2007". Entre eles temos o "Proxecto XOGAMOS?":

Baixo o nome de Xogamos? agrúpanse unha serie de recursos informáticos adicados á elaboración e utilización de xogos de pregunta-resposta.

As ferramentas que inclúe para a creación de xogos son:

  • EdiPre: editor de preguntas. Programa informático para contornas windows e linux.
  • DEX: DEseño de Xogos. Aplicación para a construcción das interfaces gráficas dos xogos. Válida para contornas windows, linux , mac e Internet.
  • E por último Xoga é un script en flash que permite a utilización dos xogos en diversos sistemas operativos ademáis de Internet.
As potencialidades da ferramenta son moitas, pero como mostra podedes ver algúns dos exemplos que incluimos.

A páxina antonvicente.es xa está actualizada con esta nova ferramenta.

Máis premios para os nosos profes


Coa sorpresa do premio de Antón e Felo non nos decatamos de que outro dos nosos profes (colaborador nestes cursos de galego) levara outro galardón. Nin máis nin menos que o primeiro premio na categoría de "Materiais curriculares web". O compañeiro Antonio Lomba, do IES A Sangriña. O seu traballo - que tendes na súa páxina como recurso educativo - e que se cadra vistes algúns de vós nas sesións do curso ten como título: "A auga: aplicacións enerxéticas na Galicia preindustrial". Este traballo enorme e dunha calidade técnica impecabel resultou da labor colaborativa dun seminario de creación de materiais no que colaboraba o noso outro profe de A Garda, o compañeiro Xavier Crespo, a quen tamén lle felicitamos por este premio.

Noraboa e parabéns para Antonio e de novo para nós por termos disfrutado da sorte de contar con estes magníficos profesores.

21/12/07

Premio para os nosos profes


Temos premio. Premio para algúns dos nosos relatores de "galego-on-line". En particular o relator Felo Couto e o ubicuo Antón Vicente. Levaron outro recoñecemento para a súa incribel tarefa de creación de recursos en galego.
Os premios para "Recursos educativos para a sociedade da información" saíron publicados no DOG do día 18 e inclúen varias modalidades e materiais moi intersantes. Entre eles está este premio para "Ferramentas de autor" polo proxecto "Xogamos?" que algúns de vós tivestes ocasión de coñecer nos cursos de galego.
Parabéns para Toño e Felo e tamén para nós por terlles coñecido e poder contar coa súa colaboración.

20/12/07

Compromiso


Podemos amosar a nosa solidariedade con Isaac Díaz Pardo. Se queres asinar o manifesto de apoio podes facelo enviando un correo co teu nome e apelidos e máis o DNI á seguinte dirección de correo electrónico: xmavera@hotmail.com

Velaí o texto do manifesto:

SE CALAMOS SEREMOS CÓMPLICES

Dende hai un tempo estamos asistindo a unha operación empresarial pola que se aparta a Isaac Díaz Pardo, da toma de decisións de Sargadelos, relegando así a aquel que fora alma mater e fundador das fábricas de Sargadelos e O Castro, creando con Luis Seoane ese emporio cerámico e cultural e converténdoo en sinal de identidade de Galicia. Falar de Sargadelos e O Castro é lembrar a labor dos exiliados, da unión da empresa e a cultura con base na tradición e o compromiso; é falar do home que traballou para manter a memoria da guerra e a represión cando ninguén o facía, da recuperación dos escritores que andiveron lonxe e remataron acollidos ao redor desa casa común, pero tamén dun home a quen sempre vimos traballando, facendo todo tipo de labores pois de ningunha delas se avergonzaba, e tanto cargaba paneis de exposicións na subida ao Museo do Pobo Galego, como deseñaba mobles e pergueñaba edificios que se recoñecen como seus. Neste momento, falar de Isaac é facelo de alguén traizoado polos seus -en palabras de Avelino Pousa Antelo- e Díaz Pardo debe ser o orgullo de todos os galegos de ben, moitos xa publicaron os seus escritos, outros fanlle homenaxes,... pero non debemos calar ata que se faga xustiza. ¡COMO CALAR...!

1. Ante o silencio público mesturado con informacións confusas.

2.Ante as institucións públicas que semellan mirar para outro lado.

3.Ante o paradoxo de que quen máis fixo pola recuperación da memoria histórica se atope en situación de silenciado neste momento de leis e anos conmemorativos.

4.Ante unha actualidade na que semella que o mundo da empresa establece os valores (o novo Sargadelos) e non hai ninguén que encabece a masa crítica desta sociedade civil disposta a defender a este home pero tamén a unha empresa que ha de estar por riba dos accionistas por ser xa case unha institución.

5.Ante a caída en picado dunha empresa que acaba de vender a súa tenda en Milán e vai facer outro tanto en Lisboa, cando nos representa a todos e non podemos deixar ao dispor duns accionistas que non se dan conta, de que o que se traen entre mans é algo que os galegos e galegas sentimos coma un proxecto cultural, unha representación do país que só pode ser de Isaac Díaz Pardo e de todos nós.

Por isto, necesitamos que alguén poña sentido no mundo empresarial, coloque os cartos no seu sitio e lidere este movemento de vontades para restaurar a xustiza cun dos nosos homes máis ilustres, cos mortos que o acompañaron neste empeño e co que hai de Galicia nese proxecto. Pedimos axuda aos avogados dispostos a argumentar e tramitar os papeis necesarios, aos políticos e deputados para xestionar as maneiras de resolver este conflito, aos intelectuais para opinar diante dos micrófonos e xornais, aos consumidores para demostrar o seu valor, é dicir, que cadaquén faga o posible para abrirlle os ollos á xustiza e poñer a cada un no seu sitio. Se seguimos calados seremos cómplices da inxustiza que se está realizando con Isaac Díaz Pardo e coa memoria cultural de Galicia. Tal vez teñamos que dicir que Isaac somos todos e todas nós defendendo, de novo a dignidade.

En Compostela a principios de decembro do ano 2007

15/12/07

Made in Galiza


Un dos ponentes destas xornadas, Sechu Sende, obtén o Premio Ánxel Casal ao Libro do 2007. A súa obra "Made in Galiza" foi recoñecido como Libro galego do ano. Parabéns!!!

Máis información en: http://www.galiciae.com/nova/4000.html


6/12/07

Drawing for Children

Ola a todos os compañeiros e alumnos de este interesante curso. Unha vez máis invítovos a ver con calma a páxina que fixen para o cursiño pois pola premura de tempo non foi posible ver todo co detalle que pretendía. Como dixen durante as xornadas a idea é que se manteña pública durante polo menos dous anos con todas as melloras que sexamos quen de facer a partires de todo o que suxirades. Hoxe mesmo fixen un módulo co que podedes engadir máis imaxes vectoriais ao Drawing for Children (tede en conta que se a variades a ruta de instalación do programa C:\Archivos de programa\Drawing for Children , tamén tedes que variar a ruta de instalación do módulo).
Os novos temas de imaxes vectoriais que incluín son: Billetes de euro, Nadal, Alimentos, Verán, Flores, Celebracións e un novo cartafol de Animais.

4/12/07

RECURSOS

Nas miñas sesións quedei de pasar enlaces a páxinas interesantes (sobre todo de inglés e frances) así que aquí tedes unha escolma.
http://www.edu.xunta.es/linguasestranxeiras/ (páxina da consellería con información sobre todos os programas de lingua)
Ediga (Encerado dixital Interactivo, recursos e actividades)
Inglés
Madenglishouse (visita "friends" e atoparás moitos enlaces)

Francés
http://ntic.org/accueil.php3?lang=fr (uso das Novas tecnoloxías en francés)
Multilingüe
http://clicknlearn.net/

Xa vos pasarei algunha máis.

Tamén quería recordar que xa está disponible unha nova versión de Tux Paint. Na sección de máxicas hai moitas novedades, botade unha ollada.

A miña presentación

Se cadra foi moito rebumbio de cousas as que miramos, ahí van todos os enderezos. Xa sabedes que os que teñades conta de gmail, vos podo convidar a compartir ista presentación no Google Docs, avisade por correo fcouto@gmail.com e para o que vos poda botar unha man non dubidedes en preguntares.

Un prazer,


Abrir nunha nova ventana

Galegoxdocentes


Benvidos/as

Esta blogue ten por obxecto dar continuidade ás experiencias desenvolvidas durante os cursos de galego para o profesorado en prácticas neste curso 2007-2008 no ámbito do CFR de Pontevedra.
Os diferentes relatores e relatoras que vos acompañaron nestas sesións e que presentaron un gran número de recursos para o ensino en galego fican aquí á nosa disposición. Poderemos afondar no descubrimento e no manexo destas ferramentas que poden resultar moi útiles.

Anímovos a que fagades comentarios ás entradas dos profes e vos poñades en contacto con elas e eles para tirar o máximo partido do seu magnífico traballo de recopilación, organización e mesmo creación de recursos educativos.

Douvos a benvida a todos e todas a este espazo virtual de consulta, colaboración e aprendizaxe.

Agardo que resulte de interese para nós e os nosos alumnos/as.

2/12/07

Descarga de vídeos en YouTube e outros.

Nunha sesión, algén preguntoume como descargar os vídeos de Youtube e non lembraba o nome do programa para facelo. Con aTubeCatcher (programa gratuito) podes descargar vídeos dende varios portais(YouTube, Dailymotion, MySpace, Stage6 e Google) e convertelos a outros formatos.
Para descargar con aTube Catcher só tes que pegar a dirección do vídeo no campo correcto e seleccionar o formato de vídeo que queres utilizar.
Ademais, o programa inclúe outras opcións avanzadas para personalizar o proceso de conversión. Opcións para definir a calidade e resolución do vídeo, o formato da ventá (4:3 ou panorámico),…
A dirección para descargar o program,a é http://ytc.dsnetwb.com/video_software/