14/10/09

Galego para o profesorado en prácticas

Velaí estamos de novo. A piques de comezar os cursos de galego para o profesorado que está a realizar a súa fase de prácticas neste curso. Noraboa a todos e a todas.
Desde esta bitácora, que naceu como ferramenta de apoio para estas actividades, seguiremos a incorporar todo canto nos parezca de interese en dúas liñas fundamentais:
- Facilitar o uso do galego no ensino (de todas as áreas e materias)
- Fornecer de recursos para o ensino en lingua galega (especialmente os recursos on-line)
Falaremos destes asuntos nas vindeiras semanas.

4/7/09

Uxío

Ao fin, as letras galegas adícanse ao poeta do Courel.
2010 ano de Novoneyra

15/12/08

A escola das areas


Hoxe, namentras daba unha volta pola sempre sorprendente bitácora de SechuSende, topei esta curta que me pareceu que tiña que vos traer. Merece a pena a historia, o seu fondo e a súa forma.


Plastilina, lingua, Frei Martín Sarmiento e, de fondo, Pontevedra...

Fantástica. E hai moito máis neste: Cineclube do audiovisual galego "Flocos.tv"

Visítao!

26/11/08

Recursos para o galego

Coñecemos estes días nos cursos de galego para profesorado en prácticas un recurso moi completo e elaborado. É un traballo do colectivo Tagen Ata, lingua e comunicación, colaboradores/as nestas actividades de dinamización lingüística. Procede dun traballo feito para a Deputación de A Coruña e contén unha grande cantidade de recursos para o uso do galego en diferentes ámbitos (diccionarios, traductores, compendios gramaticais, recursos multimedia, etc.). O mellor é a súa organización, clara e intuitiva.

Un traballazo, e moi útil. Recoméndovos unha visita a este sitio.
Pola miña parte, deixarei a partires de xa, una ligazón a este lugar na barra da dereita. Toda unha honra, porque está reservada para o máis interesante.

Visitade esta web en http://www.recursosparaogalego.com ou premendo na imaxe superior.

18/11/08

Recursos para a atención ao alumnado inmigrante

Topei na web de contidos este dicionario visual, moi intuitivo, agradable e sinxelo. Coido que podería ser unha ferramenta, un recurso para achegar á lingua a nenos e nenas que non a coñezan. Semella de moito interese ir preparando recursos para a atención lingüística do alumnado non galegófono "en galego".
Resulta que, por defecto, escollemos a lingua castelá como lingua primeira e, no caso do ámbito educativo, isto non é o máis adecuado. Ás veces por costume, non sempre a causa de prexuizos lingüísticos. Ás veces pode ser por unha sinxela cuestión de recursos.
Pois imos traballar para que isto non suceda. Velaí vai un! o dicionario visual interactivo!
Está moi ben.
Se coñeces máis recursos para a atención ao alumnado que non coñece o galego, coméntanolo que os publicamos de contado.

4/11/08

As linguas no sistema educativo galego

Falamos destes asuntos na primeira sesión dun dos grupos de traballo: as linguas no sistema educativo galego. O feito do plurilingüismo, o modelo, os modelos de ensino bilingüe, as vantaxes desta opción e as implicacións didácticas que conleva.
Fixemos referencia a este traballo da área de normalización lingüística da Universidade de Vigo. É unha aportación de moito interese. Resulta do máis aconsellabel dar unha volta por esta web.
E podes comentar que che pareceu. Iso engadiría un valor a este foro.
Adiante cos comentarios.

3/11/08

Non falo o galego porque non o sei falar ben...



Se cadra é cousa de probar. A ver como vai...

8/10/08

galegoxdocentes 2008


Comezou o novo curso e con el chegan as datas de facer este curso de "Galego para o profesorado en prácticas" que foi o xermolo deste caderno colaborativo. Coido que este ano imos darlle un novo alento a esta bitácora. Hai moitos asuntos que tratar:

Uso do galego no ensino
O tratamento integrado das linguas nos centros
A dinamización lingüística
A nova normativa
e, como non?
Os múltiples recursos multimedia e on-line cos que contamos para o traballo educativo "en e para o galego"nas distintas áreas e materias.

Falaremos decote nestas vindeiras datas