Esta fin de semana celebráronse en Compostela, na Facultade de Educación, as IV Xornadas sobre Recursos educativos en galego. Especialmente adicadas este ano ao bacharelato. A organización desta actividade quixo invitarme a facer unha pequena comunicación. Velaí vos deixo a presentación que utilicei.
As linguas, como o resto dos saberes, das capacidades, das actitudes... aprendémolas no uso. Queres ensinar a ler, a escribir, a conversar? Procura que o teu alumnado lea, escriba e converse.
Semella un conto de Perogrullo!
Seica hai cousas que damos por feitas; ás veces son as máis importantes de todas.
Este vídeo pertence a unha campaña moi interesante. Na web da mesma tes máis información sobre os personaxes que nel falan. Son profesoras e profesores universitarios do ámbito científico e de universidades europeas e mesmo dos EEUU.
O que me resulta especialmente suxestivo é a naturalidade e a tranquilidade que amosan as súas palabras. Para elas e para eles, que traballan no máis alto nivel científico, as linguas supoñen unha riqueza e un valor para quen as coñece. Nunca un problema.
Velaí estamos de novo. A piques de comezar os cursos de galego para o profesorado que está a realizar a súa fase de prácticas neste curso. Noraboa a todos e a todas.
Desde esta bitácora, que naceu como ferramenta de apoio para estas actividades, seguiremos a incorporar todo canto nos parezca de interese en dúas liñas fundamentais:
- Facilitar o uso do galego no ensino (de todas as áreas e materias)
- Fornecer de recursos para o ensino en lingua galega (especialmente os recursos on-line)
Hoxe, namentras daba unha volta pola sempre sorprendente bitácora de SechuSende, topei esta curta que me pareceu que tiña que vos traer. Merece a pena a historia, o seu fondo e a súa forma.
Coñecemos estes días nos cursos de galego para profesorado en prácticas un recurso moi completo e elaborado. É un traballo do colectivo Tagen Ata, lingua e comunicación, colaboradores/as nestas actividades de dinamización lingüística. Procede dun traballo feito para a Deputación de A Coruña e contén unha grande cantidade de recursos para o uso do galego en diferentes ámbitos (diccionarios, traductores, compendios gramaticais, recursos multimedia, etc.). O mellor é a súa organización, clara e intuitiva.
Un traballazo, e moi útil. Recoméndovos unha visita a este sitio. Pola miña parte, deixarei a partires de xa, una ligazón a este lugar na barra da dereita. Toda unha honra, porque está reservada para o máis interesante.
Topei na web de contidos este dicionario visual, moi intuitivo, agradable e sinxelo. Coido que podería ser unha ferramenta, un recurso para achegar á lingua a nenos e nenas que non a coñezan. Semella de moito interese ir preparando recursos para a atención lingüística do alumnado non galegófono "en galego". Resulta que, por defecto, escollemos a lingua castelá como lingua primeira e, no caso do ámbito educativo, isto non é o máis adecuado. Ás veces por costume, non sempre a causa de prexuizos lingüísticos. Ás veces pode ser por unha sinxela cuestión de recursos. Pois imos traballar para que isto non suceda. Velaí vai un! o dicionario visual interactivo! Está moi ben. Se coñeces máis recursos para a atención ao alumnado que non coñece o galego, coméntanolo que os publicamos de contado.
Comezou o novo curso e con el chegan as datas de facer este curso de "Galego para o profesorado en prácticas" que foi o xermolo deste caderno colaborativo. Coido que este ano imos darlle un novo alento a esta bitácora. Hai moitos asuntos que tratar:
Uso do galego no ensino
O tratamento integrado das linguas nos centros
A dinamización lingüística
A nova normativa
e, como non?
Os múltiples recursos multimedia e on-line cos que contamos para o traballo educativo "en e para o galego"nas distintas áreas e materias.
Recursos multimedia disponibeis en internet. Coma sempre, na blogue do compañeiro Antón Vicente Rodríguez atoparedes varias posibilidades. Pero, de todas elas, salientaremos este pequeno xogo interactivo realizado por Toño coa ferramenta que resultou premiada hai uns meses polo proxecto SIEGA, no apartado de ferramentas de autor. O proxecto Xogamos. Fran Macías, Felo Couto e Antón Vicente son os responsabeis desta aplicación que fai posible a creación de exercicios multimedia interactivos coma este que vos presento. Unha aportación máis para estes días.
Xoaíña é unha proposta didáctica realizada por profesorado do CPI O Progreso, de Catoira.
A profesora Marisel, que anda este ano a voltas coas novas tecnoloxías e o traballo das competencias básicas, foi quen de artellar toda unha secuencia didáctica baseada na poesía de Álvarez Blázquez.
Esta proposta, apropiada para traballar co alumnado de primaria, conta con actividades variadas que rematan nun obradoiro de escrita. Inclúe un traballo multimedia que recrea un poema "Maruxiña", tirado do poemario "Rosario do teu mencer", con música, texto e imaxes.
Recoméndovos que visitedes a web do CPI e botedes unha ollada ás propostas didácticas para infantil, primaria e secundaria. Hai bo traballo e haberá máis.
Poema de X.M. Álvarez Blázquez, autor homenaxeado no día das letras deste ano 2008. Atopeino nunha fantástica blogue: "O Recanto de Mik". Unha bitácora de animación e fomento da lectura dun colexio, o CEIP Mestres Goldar de Vigo. Magnífica, chea de contido interesante e moi dinámica. Recomendo vivamente visitar este recanto de Mik. Boísima.
Logo comeza o mes de maio e se achegan as letras. Vaia por diante un agasallo para quen o queira. Este é un tipo de letra que se facilitou hai tempo. Podédelo engadir aos vosos PCs polo sinxelo método de colocar o seguinte arquivo na carpeta "fonts" dentro da carpeta "windows", que á súa vez está dentro do disco duro do voso equipo. A partires desta operación estará disponible nos vosos procesadores de texto este tipo de letra baseado en antigos textos escritos galegos. Letras galegas...